Monday 06 de May de 2024

A directora xeral de FP sinala a Área da Coruña e Costa da Morte como unha das máis implicadas nestas ensinanzas


— Eugenia Pérez participa no encontro territorial do Plan Conecta FP para a zona, que reúne a preto de 200 persoas para deseñar a oferta dos próximo cursos

— Son case 14.000 os estudantes que se decantaron este curso por ciclos ou másteres de FP nestes concellos, un 48% máis que hai unha década

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe no encontro territorial do Plan Conecta FP da Xunta para a área da Coruña e Costa da Morte. Preto de 200 persoas, entre docentes e representantes de firmas empresariais e de centros educativos, reúnense nesta cita para afondar no deseño dunha oferta de Formación Profesional axustada ás necesidades dos tecidos produtivos e, polo tanto, cunhas maiores posibilidades de inserción laboral para os alumnos.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou a da Coruña como unha das áreas con máis implicación nestas ensinanzas. Non en balde, nos concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Cee, Coristanco, Culleredo, Curtis, Oleiros, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas son un total de 13.818 alumnos os que decidiron cursar este curso un dos 293 ciclos ou másteres de FP ofertados, un 48% máis ca hai unha década.
Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviñeron representantes de institucións e empresas da zona como Inditex, Repsol, Hijos de Rivera, NTT Data ou GERCA Acero y Metal, entre outras.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no Centro Integrado CIFP Someso é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP. Ademais, hai outros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Programa da xornada

Xunto coa directora xeral, interviñeron na apertura da xornada o director xeral da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, Manuel Galdo, e a vicepresidenta da Confederación de Empresarios da Coruña, Mª Teresa Valdés. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta.

Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro, e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participan tanto representantes de centros educativos como de empresas. A xornada culmina co desenvolvemento dun espazo networking, coa finalidade de que os asistentes poidan tecer novas redes profesionais.